3 de xan. de 2015

Quero un can

-Mamá, papá quero un can. -dixen.
Os dous deixaron o que andaban a facer e viñeron a sentarse comigo.

-Os animais non son xoguetes, xa temos falado moito disto -dixo mamá.
-Seino -contestei.
-Hai que: darlles de comer e beber, bañalos, sacalos a camiñar, levalos de vacacións, vacinalos, coidalos se enferman, limparlle-las cacas,...
-Coma se fosen un bebé? -preguntei.
-Exacto! -dixeron os dous.
-Como me coidastes e me quixestes a min?
-Iso mesmo!
-Como xogastes comigo e me ensinastedes a facer pis no penico e non na alfombra? Como saídes comigo ó parque a xogar? Como estades comigo cando me poñen pinchas e choro?
-Si.
-Pois quero facer todo iso! Síntome só eiquí. Non teño con quen xogar, vós estades nos vosos traballos, eu non quero ver a televisión só todo o día.
-Debemos estar todos dacordo e colaborar para coidalo -dixo mamá.
-Eu podería sacalo de paseo pola noite ó tempo que vou a camiñar, faríame compaña! -dixo papá.
-Eu bótolle a comida e auga! E coidareino sempre que se poña maliño -berrei pegando un chimpo.
-Supoño que a min tamén me ha prestar sair de paseo pola mañá antes de traballar... algo de exercicio non está de máis! -confesou mamá.

Dei chimpos pola habitación.
-Cando imos mercalo? -dixen.
-Non, non o imos mercar. -contestou papá.
-Pero dixeches...
-Imos adoptar un.
-Ado.. que? -estrañeime.
-Hai moitas mascotas abandoadas polos seus donos. -dixo mamá- Precisan un fogar e alguén que os queira. Este sábado iremos a velos e falaremos coas rapazas para acoller un.
-Viva viva! -corrín pegando chimpos. Xa me tardaba que chegase o sábado...

Na procura do sorriso

Ola, eu son Bruno e teño cinco anos.

Esta mañá ó erguerme e mirarme no espello descubrín algo abraiante...
O meu sorriso non estaba!

Onte atopábase no seu lugar, pero hoxe..., onde quedaría?

Volto á cama a ver se quedara alí. Non está.
Miro debaixo, por se caese no chan. Tampouco!
Na caixa dos xoguetes. Nada.
E se quedou onda a televisión? Corro cara alí. Non.
Xa sei foi no baño da noite que o perdín! Pero na bañeira non está...

Séntome no chan e ven papá.
-Bo día! Véxote tristeiro.
-É que perdín o sorriso... Andiven a buscalo por toda a casa pero non aparece. -dixen.
-Mala cousa, sen sorriso non se pode sair á rúa! E non che caería dentro do pixama?

Subo o xersei a ver se cae ó chan. Cando destapo a barriga papá cólleme no colo e comeza a facerme cóxegas e... alí estaba!!!
E até apareceron as gargalladas!

30 de dec. de 2014

O dedo no nariz

Déixame que che conte un conto...

Unha vez había un cativo que se chamaba Tomás. Andaba de cote cun dedo no nariz, seica lle dixeran que tiña un tesouro no seu interior e andaba na súa procura.
Ó mellor non do mellor xeito que se coñece…
Pero un día tanto meteu o dedo que quedoulle atascado nunha venta.
Por máis que tiraba e tiraba non era quen de quitalo pra fóra. Ai, boa a fixera! A súa nai enfadaríase, sempre lle andaba a dicir que non se debía mete-lo dedo no nariz.
Menudo problema! Él só quería topa-lo tesouro, e o único que polo momento tiña eran as boliñas do nariz e un dedo atascado.
"Non pode ser! Teño que resolver isto! Non podo chegar así onde mamá, vaise alporizar!"
"Non é verdade, non hai tal tesouro, o único que conseguín foi magoarme."
E, coa tristura que sentíu comezou a chorar. Nunha esquiniña sentado pra que ninguén o vise co dedo metido.

Pero… que aconteceu? O dedo soltouse! Xusto no momento no que chegaba súa nai.
-E logo por que choras?- díxolle.
-Porque… porque…- non sabía que contestar- ai mamaíña é que quería un abrazo!

E abrazadiños topou por fin o tesouro.

O coello que se topou co polvo

Déixame que che conte unha historia...

Había unha vez un coello que andaba polo monte e foi na procura de comida. Camiñou e camiñou ate que se topou coa auga do mar. Pois si que cheguei lonxe hoxe!, pensou.
De súpeto algo se moveu na auga... Unha especie de mans sairon da auga, estaban enrugadas coma se fosen de pedra, pero movíanse e cambiaban a cor. A verdade é que resultaban tan, tan extrañas que chegaron a asustalo e deu un chimpo cara atrás saltando.
Aquelo que se movía na auga tamén debeu asustarse porque desapareceu, non se sinteu remexer máis na auga.
Cando se lle pasou o susto ó coello, que é moi tremeliqueiro, voltou outra vez, pois aló había unhas herbas tan ricas que non se podía resistir. Paseniñamente foise achegando cun pé cara adiante e outro cara atrás, pois aquel monstro dáballe arrepíos.
Cando xa levaba un anaquiño comendo aquela herba tan saborosa voltou a aparecer a rocha móbil. Tamén apareceu paseniñamente, coma se tivese medo, pero como podía ser que un monstro tivese medo dun coello pequeniño? Agachouse para uliscar. Aquela cousa tiña patas agudas por todas partes! Pero, antes de que puidese marchar de novo correndo aquelo díxolle:
-Ola!
Case dá un chimpo do susto!
-Ola!, contestou.
-Chámome Pepa da Ría, Dixo o polvo.- E ti?
-Eu son Cándido. Vaia susto me deche, é que a verdade tes unha aparencia ben extraña.
-E logho ti?, increpou.
-Eu sonche moi guapiño! Miña nai sempre me dixo que era cuspidiña a ela.
- Pero tes uns pés e unhas orelas enooormes. E que é iso que recobre todo o teu corpo?
-É pelo, contestou o coello. Pero ti parece que estás feito de rocha.
-É o meu corpo que pode enrugarse e cambiar de cor para camuflarme. Explicou o polvo
-Pois os meus pés están deseñados para correr e brincar rápido. As miñas orellas son grandes para escoitar mellor os ruidos arredor miña.

Este foi o xeito no que ámbolos dous se decataron de que cada un pode marabilloso tal e como é, sen ter que ser todos iguais pois cada un debe adaptarse ó lugar no que están vivindo. O polvo na auga e o coello entre a herba.



O león, o elefante e o cisne roñón

-Cóntame un conto, porfiiiii!
-De que queres que cho conte?
-Dun elefante, un león e un cisne con mal humor.
-…Ummmm…
Había unha vez unha bebé elefante que andaba a camiñar coa súa familia pola sabana. Brincaba eiquí e acolá petiscando algunha herba ou chuchando leite de cando en vez.
Nunha das súas correrías, sen querer, pisoulle o rabo a un cisne que se topaba nunha charca. Boa a fixo! O cisne, branco, ficou toooodo enlamado.
"Pero que fixeche!?"
"Mil desculpas señor, non era a miña intención emporcallalo. Non sabía que vostede estaba aí, non o vin…"
Desculpouse a elefantiña medrosa. Pero o cisne non cedeu e seguíu a berrar.
"E agora a miña brillante plumaxe quedou luxada. Isto non hai quen o quite."
"Se quere pódolle botar un pouco de auga coa miña trompa e limparase." Dixo medorenta, pero o paxaro nen sequera escoitaba.
"Isto é unha vergoña! Os xoves non tendes respecto ningún polos demais. Parece que o mundo non vos chega a nada…"
A pobre cada vez sentíase máis avergoñada, facíase máis e máis pequechiña. Chorou e correu cara súa nai, namentres  seguía escoitando as queixas do cisne.
De súpeto algo se moveu entre a unhas herbas e zas! un león saltou e pillou ó cisne que continuaba rosmando.
-Por que o pillou?
-Porque tiña fame, e como o cisne non paraba de protestar facendo ruido, chamou a súa atención, cazouno!

22 de dec. de 2014

Os abellarucos

Os dous irmáns estaban a pelexar cando a súa nai apareceu perante eles. Non sabía moi ben cal era a orixe da pelexa, pero cando se decataron da súa presenza, quedaron esperando coma quen ve o raio e agarda o estrondo do trono...
Non aconteceu nada... pasou o tempo e ainda nada, polo que miraron cara arriba, atopáronse coa mirada da nai, pero non era de enfado. Que pasaba?, non entendían. O que acontecía normalmente era que ela tamén empezaba a berrar e logo botábanse a culpa mutuamente...
- Vinde comigo, dixo finalmente.
-Sentade, que vos contarei un conto...

Na natureza hai unhas aves que se chaman abellarucos, son paxaros que se emparellan para criar á súa prole. Fan un niño nos terrapléns brandos escavando. Aí poñen os ovos que incuban e crían en conxunto os dous membros da parella. Sabedes por que o fan así?

-Non, contestaron os dous ó unísono.
-Porque ó contrario do que outras aves os pitos ó sairen da casca non ven nin teñen pelo. E ademais non saen da casca xuntos. Os irmáns poden levarse unha diferencia de ate quince días. Iso na idade dos paxariños pode ser tanto coma o que vos levades vo-los dous.

Miraron un cara o outro, non entendían moito, agora eran polos?

-Veredes, isto era unha parella de abellarucos que tiñan unha cría e tres ovos. Mentres mamá incubaba papá carrexaba insectos para o pequeno que medraba forte e rápido. Depois de uns días xa había tres polos e só un ovo. Agora xa non era tan fácil a cousa, o ritmo era moito máis frenético, había tres bicos pra alimentar. Pero pasados quince días naceu o cuarto pitiño.
Pola mañá, tan pronto saía o sol os páis xa saían do niño pra procurar comida, agora xa saían os dous, catro bocas eran moitas bocas! Tódalas mañás había pelexas entre os irmáns para manter unha orde coa hora da comida.
Que podían facer os pais? Se se entretiñan en poñer orde para que comesen ó tempo que eles consideraban tardarían demasiado en organizarse entre eles e cos pequenos, como consecuencia algún deles podería quedar sen alimento por falta de tempo. Polo tanto, tras moito meditar decidiron falar coeles unha noite:
Xa sabedes que nós vos queremos moito a todos por igual, e tamén sabemos que entre vós tamén vos queredes polo que coidamos que vos coidaredes uns ós outros para que ningún resulte ferido nin lle falte de nada.
Parecían moi sorprendidos de que os seus pais lles cedesen tanta responsabilidade. Tiñan que coidar uns dos outros, en especial do máis cativo. Como farían tal cousa?
Logo de pensar e repensar coidaron que farían turnos, o que máis fame tivese poñeríase en primeiro lugar ate que a maior parte desta desaparecese, logo o seguinte e así ata o último.

Normalmente polas mañás seguía habendo algun que outro enfado, cousa completamente normal pois todos tiñan fame e querían comer xuntos, pero grazas ó traballo incansabel dos pais rapidamente se solucionaba. O resto do día transcorría sen maior problema entre xogos e rechouchíos cando aparecían os pais.

Deste xeito tódolos irmáns medraron xuntos, unidos e sans.

Eu quérovos ós dous moito, tamén o voso pai, e sei que vós tamén vos queredes un ó outro ainda que teñades diferencias, todos as temos! Espero e desexo que as resolvades para que poidades disfrutar do xogo ambos.

Miráronse mentres a nai marchaba, non sabían o que facer. Non podían berrar un co outro, non había culpables. Se non podían pelexar terían que xogar, e puxéronse a pintar!

14 de feb. de 2013

Os gansiños dependentes

Déixasme que che conte un conto? si?
Hoxe vouche conta-lo conto do gansiño dependente.

Érase unha vez, no mundo de Nalgures, unha gansa que estaba chocando catro oviños. Aniñaba nunha xunqueira que estaba preto dunha granxa.
Certo día empezaron os catro parruliños a rompe-la casca e saíron. Que ledos estaban os seus papás cando os viron!
En canto se puxeron en pé empezaron os pequenos a correr detrás da súa nai buscando herbas e bichiños que comer. Como era costume visitaron a seus pais tódolos animais veciños.
Ó día seguinte pasou a señora gata que lles dixo:
-Estes pequenos son moi dependentes, necesitas tempo para ti. Mira os meus! naceron onte e xa son quen de quedar sós sen dicir nin miau.
-Pobriños, son tan pequechos. -respondeu a ánsar.
O segundo día veu a coella e comentou:
-Os meus gazapos teñen catro días e xa quedan sós sen problemas! Doutro xeito non podería facer nada!
-Pobriños, son tan pequechos. -contestou a nai.
Ó terceiro día, cando ían na procura de comida pegados ó río víunos a troita:
-Tes bo traballo! Ter que ir cos parrulos a todos lados...
-Pobriños, son tan pequechos. -faloulle sen deixar de camiñar.
Tódolos parruliños ían tristes detrás da nai pois, polo que dicían os máis, coidaban que se portaban mal, pero non sabían facer doutro xeito! Chegados ó niño de novo a nai explicoulles:
"Pequenos, non esteades tristes! Cada quen ten a súa verdade. Achegádevos que vos explico:
Os gatiños nacen sen ver, polo que non poden camiñar. E, como son moi intelixentes, non protestan para que súa nai poida ir tranquila a cazar.
Os coelliños nacen sen pelo, terían moito frío! E, como son moi listos, non din nada para que os deixen estar ó calorciño!
Os peixes, cando saen da súa mamá son só oviños pequechiños. E, como son moi considerados, saben que súa nai non pode suxeitalos, pois son centos! Entón quedan calados.
E vós estades comigo para aprenderdes a voar, pois cando medredes e subades tan alto que non vexades nin gato, nin coello, nin troita estaredes preparados para irmos a un sitio moi lonxano."
Tal como describira a mamá gansa aconteceu e xuntos toda a familia voou tan lonxe que gatos, coellos e troitas só puideron dicirlles adeus.

E colorín colorado este conto esta contado!